Etapas

AMENCER
O proceso de MarCha comeza coa etapa de AMENCER. AMENCER significa espertar, nacer, comezar, alumear... Os rapaces e rapazas de 11 a 14 anos experimentan nas relacións, na reflexión, no xogo e no contacto coa natureza un mundo de posibilidades de felicidade e crecemento; e ás poucas van formando o seu grupo de referencia e van coñecendo os símbolos e os obxectivos de MarCha.
O símbolo da etapa é unha taza, para lembrar que cada día comeza cun novo amencer, e o almorzo vai nutrirnos, abrirnos a xornada e facernos espertar á vida. A taza fálanos de capacidades, de vitalidade, de calmar a sede, de alimentarse, de dar e recibir, de encontro, de compartir, de tranquilidade e de amigable conversa. Bébese nela e con ela pódese dar de beber. Brindemos pola nosa amizade!
As experiencias máis importantes que MarCha ofrece aos rapaces na etapa AMENCER son a pertenza a un grupo e os seus encontros, e os campamentos de verán: “Reserva india de Navalguijo” (1ºE.S.O.) e “MarCha Golden Perbes: un campamento de película” (2ºE.S.O.).

AVENTURA
AVENTURA é a etapa do proceso MarCha na que participan aqueles rapaces e rapazas entre os 14 e os 16 anos. Fai referencia ás decisións e cambios propios da idade, e dun momento no que vivir é unha aventura apaixonante na que hai que experimentar novas situacións e comezar a poñer un rumbo á viaxe da vida. Os grandes retos, compartir as propias experiencias e vivencias, cuestionar a realidade da súa contorna, abrirse a outras maneiras de entender o mundo, celebrar o vivido ou empezar a interiorizar as experiencias que lles rodean son algunhas das claves desta etapa.
O símbolo da etapa é o mosquetón, que implica acción, tomar decisións, afianzar puntos de referencia, engancharse a un grupo pero mantendo certa independencia e autonomía. É un elemento activo, dinámico, que pode utilizarse de moi distintos xeitos segundo a intención do seu usuario, pero que sempre vai aportar seguridade e confianza a quen o leva. O mosquetón permite participar nunha aventura e afianzar o que se vai logrando nela.
As experiencias que marcan o momento vital en AVENTURA son a implicación en campañas solidarias en grupo, os compromisos tomados co grupo de referencia, aquelas actividades que implican esforzo persoal e toma de decisións, a capacidade de poder analizar a súa realidade máis próxima, ter momentos persoais e compartir en grupo pequeno. Son fitos importantes neste momento as actividades provinciais: o campamento itinerante “A viaxe do Futhark” (3ºE.S.O.), o encontro “Khrónos” (4ºE.S.O.) e o campamento “Atlantis” (4ºE.S.O.).


CAMIÑO
CAMIÑO é a etapa do proceso MarCha que abrangue dende os 16 aos 18 anos. CAMIÑO é unha opción por ir descubrindo o sentido da vida de cada un, por medrar cun estilo. O camiño supón superación persoal e austeridade. Nel atopamos persoas que buscan, que se paran, que van ás presas, que van paseniño, que caen e que erguen. En definitiva, decatámonos de que non estamos sós. Cando camiñamos aprendemos que o camiño en si mesmo ten sentido. Non se trata de chegar, senón de avanzar, de ir dando pasos, de medrar…
No carreiro son importantes as referencias e o testemuño de persoas que foron facendo un camiño de crecemento, o acompañamento persoal. No camiño tamén imos descubrindo persoas que están apartadas, nas cunetas. É importante coñecer esas realidades e ir descubrindo como encaixan na nosa vida.
O diario é o símbolo que nos axuda a medrar en consciencia e nos serve como ferramenta útil á hora de facer unha relectura da viaxe que imos realizando. En CAMIÑO facémonos conscientes da nosa pertenza a un movemento xuvenil cristián. Nesta etapa empezamos a coñecer un referente para a vida: Xesús; xa que nas súas actitudes e nas súas palabras atopamos pistas para ser máis plenos e felices. Os tempos persoais, o compartir no grupo, iniciar o camiño da Pascua, realizar o Camiño de Santiago e explorar un camiño de noso ("My Way") cara ao noso interior son as experiencias fundamentais desta etapa.

FONTE
FONTE é a etapa do proceso MarCha dos 18 aos 22 anos. Nestas idades, os mozos ábrense a experiencias diferentes cheas de oportunidades para a súa maduración. Tanto os ambientes como as relacións e as responsabilidades cambian en moitos casos, polo que aparece unha época de certa descolocación que lles invita a medrar. A autonomía persoal a nivel emocional refórzase intensamente para atopar unha estabilidade ante tantas situacións de cambio. Implica un esforzo para os mozos, pois han de participar e seguir adheridos a un proxecto que lles esixe compromiso. FONTE é o lugar onde refrescarse e volver beber cando aparece a sede e a soidade, onde recibir alento para continuar. Os compañeros de viaxe axúdannos a recoñecer a realidade doutra maneira e descubrir un ambiente de relacións que favorece continuar aprendendo e atopar sintonía e boas novas.
A vieira do peregrino é o símbolo da etapa que axuda a recoller a auga das fontes que se achan no camiño, a compartir cos outros o frescor que imos descubrindo, a situarse nun horizonte onde atopar irmáns ao logo da senda.
Os tempos persoais e de interiorización permiten que a vida vaia abríndose por si mesma, que sexa a fonte onde poder atopar respostas, e mesmo preguntas que antes nin sequera foran formuladas. Por iso os acompañantes adquiren unha nova dimensión. As experiencias de axuda dende o voluntariado, as actividades provinciais onde compartir o camiño, as de acompañamento persoal para encontrar un sentido ao vivido ou as de comunidade que invitan a recoñecer a plenitude no cotián, son elementos que axudan a intuír se vibramos cunha vida que en ocasións anhelamos e noutras atopamos. A espiritualidade cristiá segue como referencia auténtica, sabendo que a mirada, a escoita, a animación e a vida pasan por encontros coma o do evanxeo da samaritana.