Sobre MarCha

Que é? 

MarCha é un movemento xuvenil que quere funcionar como lugar de crecemento integral ofrecido aos rapaces e mozos da contorna da vida marista.
 
a) Trátase dun itinerario educativo que se desenvolve no tempo de lecer e está ao servizo da mocidade
·  para que teñan vida, e vida en abundancia,
·  para que  cada un se despregue nas súas capacidades,
·  para que medren de xeito san a nivel psicolóxico, social e transcendente,
·  para que vivan con sentido e conforme á súa propia vocación.
 
b) Inspirado no evanxeo, ten unha visión positiva e dinámica da persoa e tenta cultivar un ambiente de relacións san e vivificador, partindo da realidade dos mozos e baseando a súa acción educativa na propia experiencia da persoa, acompañándoa no camiño de descubrimento de si mesmo, dos outros, do mundo e de Deus.
 
c) Como movemento marista, ten en María e Champagnat dous referentes fundamentais. Cultiva a sinxeleza, o sentido cordial da vida familiar e a preocupación e o coidado dos que máis o precisan.



Que capacidades traballamos? 

Capacidade de AUTONOMÍA 
Pretendemos conseguir que a persoa sexa quen de ser ela mesma, que coñeza as súas emocións e necesidades e valore a potencia do seu propio desenvolvemento. Que a persoa poda seguir o seu proxecto de crecemento, e sexa libre para expresarse, relacionarse, coidarse e para "tomar a vida nas súas mans". 

Capacidade de ALTERIDADE-FRATERNIDADE
Apostamos pola capacidade da persoa para saír de si mesma e abrirse ao encontro. Ao saír de si mesma a persoa poderá experimentar o Amor na súa vida e recoñecerá ao outro como irmán, podendo poñerse no seu lugar e empatizando con el. Entendemos as relacións persoais e a comunidade como lugar de crecemento, de liberdade e de solidariedade.

Capacidade de SER BOS CIDADÁNS  
Marcelino Champagnat falaba de que a educación marista busca facer “bos cidadáns”. Queremos despregar na persoa os aspectos que teñen que ver coa implicación e compromiso coa súa contorna natural (ecoloxía), social (solidariedade) e cultural. Pretendemos axudar a que a persoa sexa quen de practicar a convivencia, de mirar a realidade con profundidade e sensibilidade, de valorar a vida e a diversidade natural e cultural e de implicarse e optar segundo o seu propio criterio.
 
Capacidade de RECOÑECERSE FILLO/A AMADO/A DE DEUS
Chegar a recoñecerse fillo amado de Deus significa chegar a descubrirse ligado a unha realidade alén dun mesmo, unha realidade experimentada como vida plena e como amor incondicional. Axudamos a desenvolver a sensibilidade e a capacidade de admiración, a recoñecer e celebrar o gratuíto, a confiar máis alá dun mesmo e a abrirse ao Deus de Xesús.

Capacidade de VIVIR CON SENTIDO-VOCACIÓN 
Queremos contribuír a que a persoa atope o seu lugar no mundo e despregue a súa capacidade de vivir con sentido e conforme á súa vocación máis profunda, tomando a vida como unha oportunidade de expresión e creatividade. Intentamos axudar a que a persoa aprenda a ler as súas experiencias e coñeza e valore as súas calidades e límites. Así mesmo queremos cultivar a capacidade de facerse preguntas, de soñar e ter ideais, de apaixonarse e de arriscar e deixar a comodidade do coñecido.

Capacidade de INTERIORIDADE
Cremos na persoa capaz de espertar á súa vida interior, concedéndose tempos de silencio para pararse e escoitarse a si mesmo, ao mundo, a Deus; que poda facerse preguntas e reler as súas experiencias e que manexe unha linguaxe que lle permita expresar o seu mundo interior.